acción muller

Trinta e catro anos despois de nacer como unha nena de aldea en Meder, parroquia de Salvaterra, Lorena Pinheiro síntese unha muller de acción. A súa actividade profesional parte dunha experiencia de anos no marco do traballo social e a xestión cultural. O enfoque é declaradamente feminista. Unha desas feministas que agora aparecen sinaladas desde a dereita política por seren persoas dotadas de“ideoloxía” (!). E, máis a dereita aínda, acusadas de vivir do conto feminista. Pero o seu impulso é imparable. A tarefa é rescatar ás mulleres da invisibilidade. No pasado e no presente. O seu traballo está enfocado á narración oral: “contar historias é a mellor decisión que tomei na vida”.

En Meder ao meu barrio chámanlle ‘A Funeraria’

Lorena conta historias que se encadean e tecen novas historias. O auditorio hoxe son persoas con parálise cerebral da asociación APAMP en Navia (Vigo). Un grupo que acompaña e participa intensamente do docudrama. Viven o relato, entran e saen do conto espontaneamente, acostumados como están a reclamar o seu papel na realidade, sexa propia ou paralela.

Desde a tarima que fai o papel de escenario improvisado Lorena evoca, narra, canta a vida doutras mulleres. “Historias que pasaron antes e que moitos na miña propia familia non querían escoitar”. Son historias que as veces teñen un final feliz e as veces non.

Fala da súa emprendedora aboa Saladina, que tiña tres ideas fixas: “gañar diñeiro, ter un home que lle axudara a gañar diñeiro e poder facer con ese home todas as cousas que se poden facer ademais de gañar diñeiro”. Un proxecto cumprido, ao que parece.

Pero esas historias non existían antes: a actividade dunha traballadora social está guiada pola súa capacidade de intervir no contexto, traballar coas ferramentas aprendidas, rastrexar, documentar e levantar o plano enteiro da sociedade, rescatando do pasado os elementos que faltaban ou que so foron conservados a medias. Facendo arqueoloxía da conciencia.

Ao través das anécdotas familiares a xente constrúe unha memoria común. Pero a memoria transmitida conta só unha visión parcial dos feitos. Hai cousas desenfocadas. Outras mal encadradas. Moitas fotos da vida das mulleres son borrosas. Hainas que nin saen na foto. Custa traballo recuperar as imaxes.

No velatorio do cura, o piso da casa foise abaixo e caeron todos na corte. O cura apareceu morto, como corresponde

Pero dese esforzo veñen historias de mulleres que emprenden un camiño propio en busca do diñeiro, negociando xéneros e mercancías nos límites da lei. Mulleres que saben ler as inquedanzas da comunidade na que viven. Mulleres que converten tecidos en motores da fantasía. Mulleres que buscan o apoio doutras mulleres para saír adiante. Mulleres que antes de ser nais foron criadas. Criadas que antes de ser nais foron violadas. Mulleres que despois de ser nais buscaron unha vida independente, estrearon a primeira lei do divorcio da Transición, nos anos 80 e criaron a unha filla chamada Lorena. Mulleres que, agora si, saben que xénero negocian e que límites da lei deben transgredir para ser as persoas que queren ser.

Claro que somos ideoloxía!

Trinta e catro anos de vida de Lorena dan para recorrer un camiño que excede a vida propia. Medrar xunto a unha nai divorciada e recoñecer moi cedo o valor propio da muller. Desenvolver unha intensa actividade na etapa de estudante de Traballo Social. Implicarse na vida pública no rural desde unha asociación feminista (Asemblea de Mulleres do Condado). Sumar dous anos completos de máster en Estudos de Xénero nunha universidade que en 2008 (!) resistíase a chamarlle a iso Estudos Feministas. Desenvolver traballos de ida e volta en asociacións, institucións, ONG’s para entender finalmente que o seu é “unha vocación de integración social que excede do campo do benestar, que vai máis aló, que se apoia na análise e na ideoloxía para entender por que as mulleres non están, por que foron ocultadas e invisibilizadas as súas historias, e por que precisamos unha visión transversal que atravese todo o campo da experiencia para rescatalas”.

No itinerario de mulleres como Lorena aparecen agora as voces máis estremas, reclamando con urxencia unha volta atrás, aos bos-vellos tempos onde non estaba a ideoloxía, nin o xénero. Onde as mulleres nacían mulleres, con sexo e funcións ben definidas. Listas para ocupar o seu sitio na sociedade moldeada -oh!, milagre!- pola non-nunca-ideoloxía patriarcal ou cristiá da familia. E, de paso, listas para ocupar o seu sitio na cama.

Inútil mirar atrás, señores e señoros: o pasado xa está contaminado. Nunca volverán os bos-vellos tempos, porque como conta, canta, ou ri Lorena: “estamos rescatando a vida das nosas mulleres: de Saladina de Rosalía, de Antonia e da Rosita de Argibay; para que volvan á vida e poidan contar unha nova historia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *