dereito a comer

A comida texturizada é unha técnica para cambiar o aspecto e as sensacións dos alimentos usados na cociña. É unha práctica habitualmente coñecida como xeito de experimentar novas sensacións na gastronomía. Pero a técnica do texturizado é algo máis que cambiar o aspecto da comida.

“Para nós é unha técnica de adaptación da textura dos alimentos ás necesidades das persoas con disfaxia. Así a súa inxesta é segura e eficaz, saborosa e satisfactoria” opina Andrea Abeledo. Andrea é  fisioterapeuta no centro APAMP de Vigo para persoas con diversidade funcional.

O que si cambia, e moito, na comida texturizada, son as sensacións. “O texturizado ofrece, por fin, unha alimentación de calidade. As persoas poden observar, ulir, tocar, interactuar e saborear cada alimento por separado. Ofrece motivación e pracer de comer”, explica Andrea. Como ela di “a alimentación ten que ser, tamén, un espazo de equidade, inclusión e igualdade de oportunidades e dereitos”.

En resume, a comida texturizada é un modo de reivindicar o valor do acto de comer. Máis aló dunha simple necesidade de supervivencia é o dereito de gozar da comida.

A recente experiencia dunha xornada de tapas texturizadas nun local de hostalería convencional do Casco Vello de Vigo foi unha ocasión de comprobar esa aposta. Unha reivindicación do dereito aos sentidos e unha visión máis inclusiva da diversidade funcional, tamén desde o espazo da cociña.

a revolución texturizada

O acto de tragar implica movementos moi coordinados. Interveñen moitos músculos e estruturas da cara e do interior da boca, o control postural, etc. Precisamos ter control sobre a mobilidade e a estabilidade corporal e tamén sobre a integración da información sensorial. “Como a alimentación é algo tan de base, non se comprende a complexidade que engloba”, aclara Vanesa Currás, logopeda en APAMP.

Cando existen dificultades na deglución que obrigan ás persoas a comer pratos triturados, as técnicas de texturizado son unha revolución. “Non damos de comer, compartimos o momento da alimentación. Iso implica, como en calquera relación interpersoal, adaptarse á persoa que tes ao teu carón. Non se trata de levar a comida á boca e ver o prato baleiro, iso é doado. Trátase de que haxa a activación e estabilidade suficiente para que a persoa poida xestionar o bolo de forma segura e eficaz e, ao mesmo tempo, desfrutar do momento” explica Andrea.

Nos centros para persoas con diversidade funcional texturizar a comida é avanzar no desfrute da alimentación. “Ofrecemos os alimentos triturados por separado para non mesturar sabores e saber diferenciar o que estamos comendo,  a nivel visual, olfactivo, gustativo ou  manipulativo”, di Vanesa.

Deixando de lado os excesos mediáticos de personaxes -necesarios- como Chicote, o dereito a comer é unha loita máis contra a perda progresiva de dereitos asociada a diversidade funcional.

Play Video

terapia contra a terapia

Acaban de inaugurar o día 8 de maio unha mostra fotográfica no espazo Apostroph.arte (Vigo, Praza Elíptica) e a fin de semana do 4 e 5 participaban con gran éxito no evento de danza Vigo Porté. Para a Fundación Igualarte a igualdade é iso: intervir por dereito propio no espazo público. No espazo público das artes, para máis detalles.

Igualarte evoluciona con naturalidade entre o grande e o pequeno. “Valoramos la capacidad de la actividad artística para la mejora y el desarrollo de las personas, pero nuestro objetivo no es la terapia, sino encontrar caminos y salidas al impulso, a la motivación, a las ganas que cualquier tipo de persona puede encontrar en la actividad artística. Insistir en la terapia solo sirve para señalar que algo va mal y eso es discriminatorio”, explica Cristina Lago, presidenta da fundación.

Contrarios a toda clasificación que defina unha diferencia (capacitados-discapacitados; normal- especial; independente-dependente) o equipo de Igualarte leva case vinte anos ofrecendo espazos para acompañar ou estimular os procesos creativos das persoas da súa comunidade.

 

o itinerario da Fundación Igualarte é un inesgotable paseo polas artes escénicas e visuais, o espectáculo musical e a danza,

Unha comunidade que comparte aspiracións e tarefas co barrio do Calvario, no que dispoñen agora da base de operacións que antes estivera en Bouzas. Cristina Lago insiste: “nosotros partimos siempre de la capacidad que la gente tiene para transformar la realidad, desde la creación artística, desde luego, pero también en general”.

No barrio do Calvario en Vigo teñen feito escaparatismo e outras actividades por encargo de asociacións do barrio e como grupo interviñan tamén recentemente nas sesións que o centro de actividades O Almacén Cultural organizaba con motivo do Día Internacional da Danza.

Na mostra fotográfica 50 años desde la azotea fan unha proposta orixinal que parte da conmemoración da mítica actuación dos Beatles na terraza do edificio da súa compañía Apple, en Londres.

Conscientes de que “lo natural es estar” o itinerario da Fundación Igualarte nestes anos é un inesgotable paseo polas artes escénicas e visuais, o espectáculo musical e a danza, que fai visible unha necesidade laboral: traballar polas artes como un grupo máis, pero non un grupo calquera.

conectados a xabarín club

Ola, socios!

Así empezaba todo: un saúdo á tropa que agardaba doutro lado da pantalla para comezar un novo espazo informativo do Xabarín News. A banda horaria da tarde na TVG fora tomada ao asalto un par de anos antes por un grupo de colegas ao mando dun porco bravo. A audiencia agardaba o que máis lles gustaba ver: series, música e espazos feitos a escala da rapazada.

O público infantil e xuvenil que conectaba coa galaxia Xabarín eran puros consumidores sen outras posibilidades de participación que a adhesión postal: as tarxetas que chegaban a sede central sumando novos socios. Así que os rapaces dos 90 tiñan unha cidadanía herdada, como galegos e outra, máis practicante, como membros do Xabarín Club. Tiñan un carné que o puña escrito: eran os porcos da galega.

Nun mundo sen conexión aínda de banda ancha. Sen móbiles, nin redes. Unha comunidade virtual de comportamentos analóxicos.

Xabarín News contiña os frames máis aproveitados da historia galega en 2D. Un minuto de animación dobrado e redobrado unha e outra vez.

O espazo informativo do Xabarín News era unha fórmula de contacto directo. Puro reporteirismo dos 90, enriquecido co potencial da animación para producir un espazo informativo conducido polo propio Xabarín, coa axuda do Doutor TNT e Inspector Tomé. Había tamén unhas porquiñas animadas, Xonxa e Uxía que daban réplicas ao porco bravo.

Eran os frames máis aproveitados da historia galega en 2D. Un minuto de animación dobrado e redobrado unha e outra vez para conseguir cortes e cortes que servían de intro, continuidade ou despedida.

Hai alguén aí?

Xabarín News establecía a conexión directa do mundo exterior coa galaxia xabarín. Era unha aposta: no plató de Doutor TNT disparaba desde dentro con armamento pesado información de series e comics adornada cunha incrible gama de merchandising que o propio TNT coleccionaba compulsivamente. Toda cultura popular do cómic, as series, a música empaquetada nun consultorio sempre a punto de estourar.

Como Inspector Tomé, e sen máis cobertura que a gorra que levaba posta, eu tiña a misión de mergullarme no mundo exterior en busca de signos de vida.

Era carne de reporteiro. Na redacción dun xornal sentíame incómodo. Prefería o aire libre. Asistira á caída de Pelegrín, que no 93 botou -literalmente- o último suspiro no Obradoiro, cando o moneco inchable foi desenchufado mentres lle facía unha entrevista.

Cando chegou Xabarín o plan era este: un par de días de gravación e unha xornada de edición para conseguir cinco pezas que nutrían semanalmente o espazo de noticias Xabarín News. A estratexia era buscar unha historia que poder despezar e recompoñer en cinco versións articuladas da realidade. Entradiñas e máis entradiñas para darlle continuidade ao asunto e apostar porque ese día o operador estivese de boas para saltarse o convenio (no capítulo de doenzas profesionais, a cámara ao lombo fai estragos!).

A cámara xiraba, volteaba, paneaba e de cando en cando fixaba un encadre por onde entraban historias de todo tipo. Músicos, creadores de viñetas, animadores, artistas tiñan preferencia. Toda a rapazada emprendedora. E logo todo o demais, empezando pola xeografía. Había que chegar ata os confíns de Galicia porque había un concello galego onde non había socios de Xabarín! E alá fumos: para comprobar que non había socios porque non chegaba o sinal dea TVG.

A mesa de edición era unha cousa ancha con dous magnetoscopios que devoraban cintas e cintas betacam. Varios paneis onde conectar a man cables para mesturar canles de audio e vídeo, conseguindo o asombroso efecto de dislocar a realidade. Todo consistía en xustapoñer cachos de gravación e materiais de documentación e pelis para extraer algo parecido a unha historia inventada a medida da canle: acelerada, retardada, cara adiante ou cara atrás, ata facerse un tanto frankesteiniana, pero verosímil.

Como dicía El País*: “un espazo informativo infantil cunha mascota de presentador e varios equipos de reporteiros”.

*Artigo aparecido na edición impresa de El País o luns, 1 de abril de 1996

mira, crea, come

As 26 páxinas de Mondas reúnen un reducido grupo de debuxos naturais do artista Din Matamoro (Vigo, 1958) enlazados polas verbas dun conto narrado por María Infantes (Vigo, 1968). Mondas podería parecer un xoguete ou divertimento creativo e familiar. Non o é.

Esa vintena de páxinas da colección Onocrótalo de Euseino? Editores pode ser lido como un conto pero é un tratado sobre a mirada creativa e a supervivencia artística. Cada un deses debuxos naturais de vocación efémera está feito de pelas, tonas, restos de alimentos. Froitas e hortalizas destinadas á cociña diaria que se revolven contra ese destino e, nun derradeiro impulso, insisten en existir e recobran a vida.

Din é un dos pintores fundamentais na historia contemporánea galega, da xeración da explosión Atlántica. Para un artista, a mirada é un instrumento de traballo: “las cosas que observas son figuras que imaginas antes de pintarlas. Yo solo les ayudo a ser”, di Din.

Non é so a forma: é a cor, a luz, o xesto, que modifica a materia orixinal para ofrecer ao espectador-lector unha cara oculta.

A narración de María Infantes introduce un novo elemento nesta historia. Acompaña (e amarra) a eses obxectos comúns a un novo escenario, ofrecendo ao espectador-lector unha inesperada perspectiva. Esas tonas e restos de comida xa non son obxectos, son personaxes. Poden (esixen) desenvolver as súas propias actividades. Reunidos por arte de maxia creativa arredor do papel e retidos polas palabras a unha historia, logran construír un conto entre todos.

María di que sempre escribiu. Que facía contos para os seus irmáns. Como algo natural. Como a maxia dun ovo fritido que decide ser un gato. E nunha casa onde sempre hai música soando que a música fose o leitmotiv ten algo de lóxica.

Mondas é un libro infantil… e un manual de instrucións para adultos. É un libro que axuda a entender a dinámica do acto creativo, o papel das formas e o valor da narración para reconstruír o mundo. Arte povera desenvolto nun arco temporal preciso. Durante anos e anos, atravesando a última crise económica, Din Matamoro fotografa centos de visións residuais na súa cociña. “Vivir del arte es complicado en estos años, pero no te queda más remedio que comer y esas pieles y mondas son mis materiales de trabajo, como cualquier otro”, explica el artista.

En tempos de precariedade Mondas parece reivindicar o entusiasmo creativo, capaz de impulsar o voo da imaxinación a partir dos obxectos máis cotiás.

grilos de cidade

Con Gryllidae, o colectivo Buzz tenta poñer en escea o potencial da tecnoloxía para interactuar coas persoas nun espazo urbano.
Os sons producidos mediante o uso de artefactos electrónicos que modifican os diversos compoñentes (ton, frecuencia, intensidade) lembra o canto dos grilos na natureza.
Un intercambio sonoro que desafía a imaxinación dos espectadores ao través dos sentidos.

Unha boa forma de celebrar o comenzo da primavera en Vigo.

nostalxia da kriptonita

Debe ser un bonito asunto a xeoloxía cando alguén, o xaponés Ichiro Sunagawa, a describe como a mensaxeira das profundidades.

Os seguidores da serie Big Bang Theory saben sen embargo que os científicos maiúsculos (os físicos, claro) sitúan aos xeólogos nun escalón de reputación máis baixo ca os biólogos que, na lóxica sheldoniana, xa andan por debaixo dos enxeñeiros, por moito que presuman os do MIT.

Na sociedade real, a xeoloxía sobrevive tamén entre a insignificancia pública e a colección de minerais que todo español de ben debería ter na casa, un proxecto máis na lista de tarefas inacabadas. Un asunto de frikis.

Por iso soprende o caso dun par de expertos en xeoloxía, Carlos Pina e Carlos Pimentel que acaban de publicar a Pequeña guía de minerales inexistentes. Un libro que pretende conectar esta rama da ciencia coas aspiracións das xeracións criadas cos grandes novos clásicos da ciencia ficción: desde Supermán a Star Wars.

Un subidón documentado desde as profundidades que a partir do imaxinario da ciencia ficción  conecta coa realidade xeolóxica, nun esforzo divulgativo que promete non deixar a ninguén indiferente.

Para ampliar información:

Entrevista cos autores do libro

Ficha libro: Pequeña Guía de Minerales Inexistentes (Ediciones Complutense, 2019)

Crédito foto: declicjardin on VisualHunt / CC BY-NC-SA

acción muller

Trinta e catro anos despois de nacer como unha nena de aldea en Meder, parroquia de Salvaterra, Lorena Pinheiro síntese unha muller de acción. A súa actividade profesional parte dunha experiencia de anos no marco do traballo social e a xestión cultural. O enfoque é declaradamente feminista. Unha desas feministas que agora aparecen sinaladas desde a dereita política por seren persoas dotadas de“ideoloxía” (!). E, máis a dereita aínda, acusadas de vivir do conto feminista. Pero o seu impulso é imparable. A tarefa é rescatar ás mulleres da invisibilidade. No pasado e no presente. O seu traballo está enfocado á narración oral: “contar historias é a mellor decisión que tomei na vida”.

En Meder ao meu barrio chámanlle ‘A Funeraria’

Lorena conta historias que se encadean e tecen novas historias. O auditorio hoxe son persoas con parálise cerebral da asociación APAMP en Navia (Vigo). Un grupo que acompaña e participa intensamente do docudrama. Viven o relato, entran e saen do conto espontaneamente, acostumados como están a reclamar o seu papel na realidade, sexa propia ou paralela.

Desde a tarima que fai o papel de escenario improvisado Lorena evoca, narra, canta a vida doutras mulleres. “Historias que pasaron antes e que moitos na miña propia familia non querían escoitar”. Son historias que as veces teñen un final feliz e as veces non.

Fala da súa emprendedora aboa Saladina, que tiña tres ideas fixas: “gañar diñeiro, ter un home que lle axudara a gañar diñeiro e poder facer con ese home todas as cousas que se poden facer ademais de gañar diñeiro”. Un proxecto cumprido, ao que parece.

Pero esas historias non existían antes: a actividade dunha traballadora social está guiada pola súa capacidade de intervir no contexto, traballar coas ferramentas aprendidas, rastrexar, documentar e levantar o plano enteiro da sociedade, rescatando do pasado os elementos que faltaban ou que so foron conservados a medias. Facendo arqueoloxía da conciencia.

Ao través das anécdotas familiares a xente constrúe unha memoria común. Pero a memoria transmitida conta só unha visión parcial dos feitos. Hai cousas desenfocadas. Outras mal encadradas. Moitas fotos da vida das mulleres son borrosas. Hainas que nin saen na foto. Custa traballo recuperar as imaxes.

No velatorio do cura, o piso da casa foise abaixo e caeron todos na corte. O cura apareceu morto, como corresponde

Pero dese esforzo veñen historias de mulleres que emprenden un camiño propio en busca do diñeiro, negociando xéneros e mercancías nos límites da lei. Mulleres que saben ler as inquedanzas da comunidade na que viven. Mulleres que converten tecidos en motores da fantasía. Mulleres que buscan o apoio doutras mulleres para saír adiante. Mulleres que antes de ser nais foron criadas. Criadas que antes de ser nais foron violadas. Mulleres que despois de ser nais buscaron unha vida independente, estrearon a primeira lei do divorcio da Transición, nos anos 80 e criaron a unha filla chamada Lorena. Mulleres que, agora si, saben que xénero negocian e que límites da lei deben transgredir para ser as persoas que queren ser.

Claro que somos ideoloxía!

Trinta e catro anos de vida de Lorena dan para recorrer un camiño que excede a vida propia. Medrar xunto a unha nai divorciada e recoñecer moi cedo o valor propio da muller. Desenvolver unha intensa actividade na etapa de estudante de Traballo Social. Implicarse na vida pública no rural desde unha asociación feminista (Asemblea de Mulleres do Condado). Sumar dous anos completos de máster en Estudos de Xénero nunha universidade que en 2008 (!) resistíase a chamarlle a iso Estudos Feministas. Desenvolver traballos de ida e volta en asociacións, institucións, ONG’s para entender finalmente que o seu é “unha vocación de integración social que excede do campo do benestar, que vai máis aló, que se apoia na análise e na ideoloxía para entender por que as mulleres non están, por que foron ocultadas e invisibilizadas as súas historias, e por que precisamos unha visión transversal que atravese todo o campo da experiencia para rescatalas”.

No itinerario de mulleres como Lorena aparecen agora as voces máis estremas, reclamando con urxencia unha volta atrás, aos bos-vellos tempos onde non estaba a ideoloxía, nin o xénero. Onde as mulleres nacían mulleres, con sexo e funcións ben definidas. Listas para ocupar o seu sitio na sociedade moldeada -oh!, milagre!- pola non-nunca-ideoloxía patriarcal ou cristiá da familia. E, de paso, listas para ocupar o seu sitio na cama.

Inútil mirar atrás, señores e señoros: o pasado xa está contaminado. Nunca volverán os bos-vellos tempos, porque como conta, canta, ou ri Lorena: “estamos rescatando a vida das nosas mulleres: de Saladina de Rosalía, de Antonia e da Rosita de Argibay; para que volvan á vida e poidan contar unha nova historia”.

microtempos

Vivimos tempos miniaturizados nos que os períodos laborais regulados por contratos poden ser de días, mesmo de horas.

Nos currículos gañan peso as habilidades (skills) para desenvolver tarefas concretas, ás veces máis valiosas no mercado, ao que parece, ca unha formación despregada metodicamente ou a experiencia de anos nun campo de actividade.

Hai tamén experiencias formativas en escolas que apostan por esa atomización do tempo: nunha recente nova de prensa sobre un colexio público de Arteixo (A Coruña) destacaba o emprego do tempo de recreo para implantar formación en píldoras sobre codificación dixital.

Como corresponde a implantación dunha cultura da satisfacción, da resposta emocional, da acción-reacción inmediata, gaña peso unha mentalidade resolutiva. O triunfo da instantaneidade. Non é casual que as stories (en Instagram, en Facebook) sexan o formato de moda.

A nosa teoría sobre o saber é un repertorio de tarefas, usos e habilidades. Unha suma de instantes.

Tamén os manuais de autoaxuda emocional ou profesional adoitan estar formateados a modo de listas: 5 cousas que podes facer para… Esa é a nova epistemoloxía: a nosa teoría sobre o saber é un repertorio de tarefas, usos e habilidades. Unha suma de instantes.

É curioso que nas culturas orientais baseadas no budismo o nirvana identifícase cunha fusión total da existencia humana na corrente cósmica da vida, a disolución total do ser: a inacción como meta.

No mundo occidental, a atomización do tempo (e do ser) derivada dos avances da tecnoloxía esixe unha actitude inmersiva, de fusión e adhesión total ao sistema. Por descontado, produce tamén perplexidade: incompresión, parálisis, ausencia de pulso vital. Inadaptación.

Non temos tempo para matar o tempo!

descontaminar

Foto: Aves do paraíso no parque da Praza de Compostela en Vigo

Non sei se é unha reacción aos efectos da contaminación lumínica ou do exceso de ruído ambiente, pero últimamente, cada vez que saco unha foto baixo a exposición ao mínimo.

O curioso é que entón se revela un novo mundo de luces e sombras pelexando por existir. Unha metáfora -un histograma- da vida real: uns poucos trazos abrindo camiño no caos. 

Nova economía, novos paradigmas

Cando falamos de redes, de internet, de interacción, debemos entender que estamos vivindo un auténtico cambio de paradigma que modifica toda a nosa existencia.

Os cambios que se producen a nivel persoal ou social son un modelo familiar na nova economía.

As redes sociais son o prototipo actual das relacións persoais. Interactuamos a través de redes e sistemas de mensaxería instantánea case tanto como en directo. Estas relacións configúrannos como unha nova identidade virtual.

Nas redes sociais aparecemos na nosa vida virtual como somos ou actuamos. Ademais, interpretamos o mundo natural, laboral ou persoal que nos rodea, tamén reflectido nas publicacións que compartimos.

Deste xeito, o noso perfil está enriquecido por pequenas, instantáneas e dispersas contribucións que acaban formando un debuxo preciso de actividades, contactos e intereses.

A nosa personalidade virtual é, polo tanto, un conxunto de datos listos para a súa análise. Somos un ben precioso. Calquera que estea familiarizado co sistema de publicidade de Facebook sabe o exacta que pode ser a identificación do público de interese para os anunciantes.

A idade media das principais compañías do índice S&P 500 pasou de 60 anos en 1958 a menos de 20 anos en 2010.
Ademais, o 50% dos ingresos de moitas destas empresas provén dos produtos desenvolvidos nos últimos 3 anos.
(fonte: artigo publicado por CNBC https://goo.gl/R8yYp4)

O actual sistema económico globalizado está guiado por unha estratexia de crecemento baseada, entre outras cousas, en:

  • Tecnoloxías de comunicación que permiten converter a información dispoñible en valor a través da análise de big data. As minas das que a maioría dos recursos son extraídos hoxe xa non están abertas ao ceo, senón encerradas nas tripas dixitais de sistemas (públicos ou privados) que producen unha enorme cantidade de datos que poden ser procesados.
  • A incorporación á economía dos ecosistemas de servizos accesibles globalmente aos consumidores grazas ás tecnoloxías móbiles. Os dispositivos que permiten o acceso a estes produtos son unha prolongación das persoas: son versátiles, encaixan na túa man, responden a túa voz … e identifícannos por pegadas ou características tan persoais como o noso rostro.

O triunfo da instantaneidade que rexe nas relacións persoais é o síntoma actual unha modernidade guiada pola omnipresencia tecnolóxica.

No caso da política, na medida en que a nosa actividade virtual reflicte comportamentos sociais definidos, o interese dos analistas é atopar respostas que lles permitan visualizar e / ou anticipar onde están os caladeiros para os recursos que buscan.

E en tempos de fragmentación como os actuais é decisivo apuntar ben ao obxectivo preciso. Non é raro que os argumentos do debate político se agudicen: son o cebo que indicará cantas especies e de que tipo mostran interese na discusión.

Non é raro que as oportunidades de contrastar / opoñer as nosas opinións sexan maximizadas. Calquera debate actual é como o sangue para os tiburóns: un impulso que atrae irresistiblemente e anuncia un festín. Pero os participantes na celebración deben saber que somos como pequenos peixes nun tanque no que todos os días alguén bota a comida para observar como competimos por ela entre nós e quen lidera esa loita.