tapa de tortilla texturizada

dereito a comer

A comida texturizada é unha técnica para cambiar o aspecto e as sensacións dos alimentos usados na cociña. É unha práctica habitualmente coñecida como xeito de experimentar novas sensacións na gastronomía. Pero a técnica do texturizado é algo máis que cambiar o aspecto da comida.

“Para nós é unha técnica de adaptación da textura dos alimentos ás necesidades das persoas con disfaxia. Así a súa inxesta é segura e eficaz, saborosa e satisfactoria” opina Andrea Abeledo. Andrea é  fisioterapeuta no centro APAMP de Vigo para persoas con diversidade funcional.

O que si cambia, e moito, na comida texturizada, son as sensacións. “O texturizado ofrece, por fin, unha alimentación de calidade. As persoas poden observar, ulir, tocar, interactuar e saborear cada alimento por separado. Ofrece motivación e pracer de comer”, explica Andrea. Como ela di “a alimentación ten que ser, tamén, un espazo de equidade, inclusión e igualdade de oportunidades e dereitos”.

En resume, a comida texturizada é un modo de reivindicar o valor do acto de comer. Máis aló dunha simple necesidade de supervivencia é o dereito de gozar da comida.

A recente experiencia dunha xornada de tapas texturizadas nun local de hostalería convencional do Casco Vello de Vigo foi unha ocasión de comprobar esa aposta. Unha reivindicación do dereito aos sentidos e unha visión máis inclusiva da diversidade funcional, tamén desde o espazo da cociña.

a revolución texturizada

O acto de tragar implica movementos moi coordinados. Interveñen moitos músculos e estruturas da cara e do interior da boca, o control postural, etc. Precisamos ter control sobre a mobilidade e a estabilidade corporal e tamén sobre a integración da información sensorial. “Como a alimentación é algo tan de base, non se comprende a complexidade que engloba”, aclara Vanesa Currás, logopeda en APAMP.

Cando existen dificultades na deglución que obrigan ás persoas a comer pratos triturados, as técnicas de texturizado son unha revolución. “Non damos de comer, compartimos o momento da alimentación. Iso implica, como en calquera relación interpersoal, adaptarse á persoa que tes ao teu carón. Non se trata de levar a comida á boca e ver o prato baleiro, iso é doado. Trátase de que haxa a activación e estabilidade suficiente para que a persoa poida xestionar o bolo de forma segura e eficaz e, ao mesmo tempo, desfrutar do momento” explica Andrea.

Nos centros para persoas con diversidade funcional texturizar a comida é avanzar no desfrute da alimentación. “Ofrecemos os alimentos triturados por separado para non mesturar sabores e saber diferenciar o que estamos comendo,  a nivel visual, olfactivo, gustativo ou  manipulativo”, di Vanesa.

Deixando de lado os excesos mediáticos de personaxes -necesarios- como Chicote, o dereito a comer é unha loita máis contra a perda progresiva de dereitos asociada a diversidade funcional.

Play Video

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *