conectados a xabarín club

Ola, socios!

Así empezaba todo: un saúdo á tropa que agardaba doutro lado da pantalla para comezar un novo espazo informativo do Xabarín News. A banda horaria da tarde na TVG fora tomada ao asalto un par de anos antes por un grupo de colegas ao mando dun porco bravo. A audiencia agardaba o que máis lles gustaba ver: series, música e espazos feitos a escala da rapazada.

O público infantil e xuvenil que conectaba coa galaxia Xabarín eran puros consumidores sen outras posibilidades de participación que a adhesión postal: as tarxetas que chegaban a sede central sumando novos socios. Así que os rapaces dos 90 tiñan unha cidadanía herdada, como galegos e outra, máis practicante, como membros do Xabarín Club. Tiñan un carné que o puña escrito: eran os porcos da galega.

Nun mundo sen conexión aínda de banda ancha. Sen móbiles, nin redes. Unha comunidade virtual de comportamentos analóxicos.

Xabarín News contiña os frames máis aproveitados da historia galega en 2D. Un minuto de animación dobrado e redobrado unha e outra vez.

O espazo informativo do Xabarín News era unha fórmula de contacto directo. Puro reporteirismo dos 90, enriquecido co potencial da animación para producir un espazo informativo conducido polo propio Xabarín, coa axuda do Doutor TNT e Inspector Tomé. Había tamén unhas porquiñas animadas, Xonxa e Uxía que daban réplicas ao porco bravo.

Eran os frames máis aproveitados da historia galega en 2D. Un minuto de animación dobrado e redobrado unha e outra vez para conseguir cortes e cortes que servían de intro, continuidade ou despedida.

Hai alguén aí?

Xabarín News establecía a conexión directa do mundo exterior coa galaxia xabarín. Era unha aposta: no plató de Doutor TNT disparaba desde dentro con armamento pesado información de series e comics adornada cunha incrible gama de merchandising que o propio TNT coleccionaba compulsivamente. Toda cultura popular do cómic, as series, a música empaquetada nun consultorio sempre a punto de estourar.

Como Inspector Tomé, e sen máis cobertura que a gorra que levaba posta, eu tiña a misión de mergullarme no mundo exterior en busca de signos de vida.

Era carne de reporteiro. Na redacción dun xornal sentíame incómodo. Prefería o aire libre. Asistira á caída de Pelegrín, que no 93 botou -literalmente- o último suspiro no Obradoiro, cando o moneco inchable foi desenchufado mentres lle facía unha entrevista.

Cando chegou Xabarín o plan era este: un par de días de gravación e unha xornada de edición para conseguir cinco pezas que nutrían semanalmente o espazo de noticias Xabarín News. A estratexia era buscar unha historia que poder despezar e recompoñer en cinco versións articuladas da realidade. Entradiñas e máis entradiñas para darlle continuidade ao asunto e apostar porque ese día o operador estivese de boas para saltarse o convenio (no capítulo de doenzas profesionais, a cámara ao lombo fai estragos!).

A cámara xiraba, volteaba, paneaba e de cando en cando fixaba un encadre por onde entraban historias de todo tipo. Músicos, creadores de viñetas, animadores, artistas tiñan preferencia. Toda a rapazada emprendedora. E logo todo o demais, empezando pola xeografía. Había que chegar ata os confíns de Galicia porque había un concello galego onde non había socios de Xabarín! E alá fumos: para comprobar que non había socios porque non chegaba o sinal dea TVG.

A mesa de edición era unha cousa ancha con dous magnetoscopios que devoraban cintas e cintas betacam. Varios paneis onde conectar a man cables para mesturar canles de audio e vídeo, conseguindo o asombroso efecto de dislocar a realidade. Todo consistía en xustapoñer cachos de gravación e materiais de documentación e pelis para extraer algo parecido a unha historia inventada a medida da canle: acelerada, retardada, cara adiante ou cara atrás, ata facerse un tanto frankesteiniana, pero verosímil.

Como dicía El País*: “un espazo informativo infantil cunha mascota de presentador e varios equipos de reporteiros”.

*Artigo aparecido na edición impresa de El País o luns, 1 de abril de 1996

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *