microtempos

Vivimos tempos miniaturizados nos que os períodos laborais regulados por contratos poden ser de días, mesmo de horas.

Nos currículos gañan peso as habilidades (skills) para desenvolver tarefas concretas, ás veces máis valiosas no mercado, ao que parece, ca unha formación despregada metodicamente ou a experiencia de anos nun campo de actividade.

Hai tamén experiencias formativas en escolas que apostan por esa atomización do tempo: nunha recente nova de prensa sobre un colexio público de Arteixo (A Coruña) destacaba o emprego do tempo de recreo para implantar formación en píldoras sobre codificación dixital.

Como corresponde a implantación dunha cultura da satisfacción, da resposta emocional, da acción-reacción inmediata, gaña peso unha mentalidade resolutiva. O triunfo da instantaneidade. Non é casual que as stories (en Instagram, en Facebook) sexan o formato de moda.

A nosa teoría sobre o saber é un repertorio de tarefas, usos e habilidades. Unha suma de instantes.

Tamén os manuais de autoaxuda emocional ou profesional adoitan estar formateados a modo de listas: 5 cousas que podes facer para… Esa é a nova epistemoloxía: a nosa teoría sobre o saber é un repertorio de tarefas, usos e habilidades. Unha suma de instantes.

É curioso que nas culturas orientais baseadas no budismo o nirvana identifícase cunha fusión total da existencia humana na corrente cósmica da vida, a disolución total do ser: a inacción como meta.

No mundo occidental, a atomización do tempo (e do ser) derivada dos avances da tecnoloxía esixe unha actitude inmersiva, de fusión e adhesión total ao sistema. Por descontado, produce tamén perplexidade: incompresión, parálisis, ausencia de pulso vital. Inadaptación.

Non temos tempo para matar o tempo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *