mira, crea, come

As 26 páxinas de Mondas reúnen un reducido grupo de debuxos naturais do artista Din Matamoro (Vigo, 1958) enlazados polas verbas dun conto narrado por María Infantes (Vigo, 1968). Mondas podería parecer un xoguete ou divertimento creativo e familiar. Non o é.

Esa vintena de páxinas da colección Onocrótalo de Euseino? Editores pode ser lido como un conto pero é un tratado sobre a mirada creativa e a supervivencia artística. Cada un deses debuxos naturais de vocación efémera está feito de pelas, tonas, restos de alimentos. Froitas e hortalizas destinadas á cociña diaria que se revolven contra ese destino e, nun derradeiro impulso, insisten en existir e recobran a vida.

Din é un dos pintores fundamentais na historia contemporánea galega, da xeración da explosión Atlántica. Para un artista, a mirada é un instrumento de traballo: “las cosas que observas son figuras que imaginas antes de pintarlas. Yo solo les ayudo a ser”, di Din.

Non é so a forma: é a cor, a luz, o xesto, que modifica a materia orixinal para ofrecer ao espectador-lector unha cara oculta.

A narración de María Infantes introduce un novo elemento nesta historia. Acompaña (e amarra) a eses obxectos comúns a un novo escenario, ofrecendo ao espectador-lector unha inesperada perspectiva. Esas tonas e restos de comida xa non son obxectos, son personaxes. Poden (esixen) desenvolver as súas propias actividades. Reunidos por arte de maxia creativa arredor do papel e retidos polas palabras a unha historia, logran construír un conto entre todos.

María di que sempre escribiu. Que facía contos para os seus irmáns. Como algo natural. Como a maxia dun ovo fritido que decide ser un gato. E nunha casa onde sempre hai música soando que a música fose o leitmotiv ten algo de lóxica.

Mondas é un libro infantil… e un manual de instrucións para adultos. É un libro que axuda a entender a dinámica do acto creativo, o papel das formas e o valor da narración para reconstruír o mundo. Arte povera desenvolto nun arco temporal preciso. Durante anos e anos, atravesando a última crise económica, Din Matamoro fotografa centos de visións residuais na súa cociña. “Vivir del arte es complicado en estos años, pero no te queda más remedio que comer y esas pieles y mondas son mis materiales de trabajo, como cualquier otro”, explica el artista.

En tempos de precariedade Mondas parece reivindicar o entusiasmo creativo, capaz de impulsar o voo da imaxinación a partir dos obxectos máis cotiás.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *