Novas linguaxes no ensino

No ano 2012 emprendín un seminario de formación para o profesorado sobre novas linguaxes e ferramentas multimedia para uso escolar. O curso de tres meses estaba encadrado no Área TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) do Centro de Formación e Recursos (CEFORE) de Vigo / Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

O proxecto consistía en establecer as bases técnicas e habilidades precisas para afrontar proxectos de audiovisual dentro da propia escola.

O primeiro obxectivo era conseguir un dominio das tecnoloxías de edición gráfica e audiovisual necesarias para fabricar unha emisión televisiva educativa nos propios centros.

O marco da experiencia era a reciclaxe de profesores que mostraban interese en desenvolver proxectos transversais, capaces de implicar directamente ao alumnado en experiencias que combinaban aspectos formativos e lúdicos.

Exploramos distintos softwares gratuítos dispoñibles para a edición gráfica e baseámonos para o aspecto de edición audiovisual no software VideoPad vídeo editor que permitía a edición de vídeo e e mesmo o traballo de croma; en canto ao audio facía posible inserir narración e rotulación directamente sobre a liña de tempo do material producido.

A idea era de producir material propio con esas ferramentas que logo podiamos encadear como elementos dunha transmisión en vivo ao través de servizos de streaming como Ustream, Livestream ou Bambuser.

Completamos o seminario cunha acción educativa para alumnos de Primaria, coa colaboración do profesorado do CEIP Pedro Caselles de Tomiño. Os alumnos editaron fragmentos de vídeo procedentes de Youtube aos que engadiron as súas propias voces para alterar o sentido inicial dos vídeos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *